Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta curso 25-26

DERRADEIRA SESIÓN. 12 XUÑO

Imaxe
  Toca despedirse do Club de lectura deste ano. Fixémolo deixando notas de recomendación agochadas en libros. Porque ler non remata nunca. Saúde e lectura!

LECTURA NA RÚA '26

Imaxe
  Hoxe, grazas á invitación do CEP Santa Mariña, puidemos participar na xornada de lectura na rúa. Foi marabilloso compartir marcalibros e lecturas con rapaces e rapazas de todos os centros do Concello. Moitas grazas ás persoas organizadoras!

6ª SESIÓN. 15 MAIO

Imaxe
  A unha semana de participar en Lectura na Rúa, reunímonos para poñer en común as pequenas cousas que protagonizan fragmentos de libros. Houbo unha boa e interesante selección. E, falando de selección, pedimos unha listaxe de libros para recomendar na derradeira sesión do Club de lectura deste ano.

5ª SESIÓN. 17 ABRIL

Imaxe
  Na nosa sesión do Club de lectura tocou falar de cousas pequenas. Limos un texto protagonizado por un lapis e outra por un bolígrafo. Deixamos tamén un oco para buscar e anotar anacos de libros que falen de cousas pequenas. Porque non todo van ser grandes paixóns ou sentimentos. Tamén hai espazo para o pequeno. Que, ás veces, é o máis grande.

SESIÓN 3. 27 DE FEBREIRO

Imaxe
  Hoxe tocou compartir a poesía que capturamos e metimos no sobre. Houbo un pouco de todo, pero o máis curioso é que dúas persoas coincidiron en traer anacos da música de Robe Iniesta, falecido en decembro de 2025... Polo demais, houbo todo tipo de versos. Tamén houbo un escritor que unha vez puxo en boca dun personaxe "Logo eu tamén perdín a poesía e a miña vida foi a máis gris que se poda imaxinar."  

PRIMEIRA SESIÓN DO 2026

Imaxe
  Contabamos vernos en decembro, pero distintas ocupacións que poderiamos resumir no feito de que estivemos todas e todos, alumnas e profesorado ata arriba de exames e de traballo, fixo que a sesión prevista para final de ano tivese lugar o venres 16 de xaneiro.  Trouxemos unha serie de fragmentos recollidos en cento e unha partes diferentes: libros da casa, libros da biblioteca, frases oídas ao chou... Compartimos o botín seguindo os consellos de Pennac. O misterio que nos quedara pendente era unha morea de caramelos, da que puidemos ver  o sentido e a súa relación coa triste e ao mesmo tempo marabillosa historia de amor de Félix González Torres.  E, falando  de amor, quedamos todas e todos convocados a unha vindeira sesión arredor do amor no mes de febreiro, na que se trata de encher, do máis punki ao máis empalagoso, unhas fichas de cartolina coas letras, versos, textos que máis nos digan do amor... e logo traer as fichas nuns pequenos sobres de papel manila....

SESIÓN 1. DESVELAMOS OS MISTERIOS

Imaxe
  Na primeira sesión do noso Club  de lectura deixabamos uns versos e un inicio de novela con ocos para que os enchesemos coas palabras que quixesemos. Hoxe desvelamos o misterio e puidemos ver, así, uns versos do chileno Óscar Hahn e o comezo da novela Circe ou o pracer do azul  de Begoña Caamaño , a autora das nosas letras deste ano. Pero como dixo unha vez Borges , o misterio é sempre máis grande que a resolución do misterio, así que puidemos ler autenticas marabillas alternativas das nosas alumnas. Para a vindeira sesión, propoñemos un desafío aínda maior que se pode ver nesta imaxe... que será?

CLUB DE LECTURA 25 - 26_ SESIÓN 0_ EMPEZAMOS!

Imaxe
  Tras un verán que pasou voando e un inicio de curso cheo de reencontros, o Clube de Lectura do IES Mendiño volve abrir as súas portas, fiestras e páxinas.  A primeira sesión tivémola o  martes 30 de setembro de 2025  e alí estivemos arredor do noso tradicional chocolate e a rosca que nos suministra o membro de Schröedinger do Club de Lectura, Fon Conde (non pode estar nos leceres porque ten asuntos que atender, pero de algunha maneira non falta xamais). Falamos de verán, de libros e de ideas para as xuntanzas do Club de Lectura, xa estamos pendentes da segunda sesión... Foi moi grato volvernos ver na biblioteca, entre libros e chocolate.