PRIMEIRA SESIÓN DO 2026

 



Contabamos vernos en decembro, pero distintas ocupacións que poderiamos resumir no feito de que estivemos todas e todos, alumnas e profesorado ata arriba de exames e de traballo, fixo que a sesión prevista para final de ano tivese lugar o venres 16 de xaneiro. 

Trouxemos unha serie de fragmentos recollidos en cento e unha partes diferentes: libros da casa, libros da biblioteca, frases oídas ao chou... Compartimos o botín seguindo os consellos de Pennac.

O misterio que nos quedara pendente era unha morea de caramelos, da que puidemos ver  o sentido e a súa relación coa triste e ao mesmo tempo marabillosa historia de amor de Félix González Torres. 

E, falando  de amor, quedamos todas e todos convocados a unha vindeira sesión arredor do amor no mes de febreiro, na que se trata de encher, do máis punki ao máis empalagoso, unhas fichas de cartolina coas letras, versos, textos que máis nos digan do amor... e logo traer as fichas nuns pequenos sobres de papel manila.



Para rematar, soubemos que o IES San Clemente organiza un certame de Poesía escurecida e, recuperando as primeiras páxinas de Begoña Caamaño, animamos ás integrantes do Club de Lectura a participar. Hai que bulir, que non queda moito prazo...

Comentarios

Publicacións populares deste blog

7.- ...E rematamos por este curso!

Club de lectura 24/25

6.- BANDA DESEÑADA, DESEÑA, CAMIÑO DO FINAL