Publicacións

LECTURA NA RÚA '26

Imaxe
  Hoxe, grazas á invitación do CEP Santa Mariña, puidemos participar na xornada de lectura na rúa. Foi marabilloso compartir marcalibros e lecturas con rapaces e rapazas de todos os centros do Concello. Moitas grazas ás persoas organizadoras!

6ª SESIÓN. 15 MAIO

Imaxe
  A unha semana de participar en Lectura na Rúa, reunímonos para poñer en común as pequenas cousas que protagonizan fragmentos de libros. Houbo unha boa e interesante selección. E, falando de selección, pedimos unha listaxe de libros para recomendar na derradeira sesión do Club de lectura deste ano.

5ª SESIÓN. 17 ABRIL

Imaxe
  Na nosa sesión do Club de lectura tocou falar de cousas pequenas. Limos un texto protagonizado por un lapis e outra por un bolígrafo. Deixamos tamén un oco para buscar e anotar anacos de libros que falen de cousas pequenas. Porque non todo van ser grandes paixóns ou sentimentos. Tamén hai espazo para o pequeno. Que, ás veces, é o máis grande.

9 DE ABRIL. ARTELIXO

Imaxe
  Onte saímos do instituto. É moi necesario saír dos sitios nos que estás sempre. O mundo de fóra aí está agardando por nós. Por iso agradecimos moito a invitación do colectivo artelixo a participar nunha actividade de intervención literaria nos pasos de peóns de Redondela. Usamos fragmentos de Begoña Caamaño e anacos de poemas escollidos polas alumnas do club de lectura. Coincidimos tamén co Club de lectura do IES Pedro Floriani e todas xuntas deixamos pegada nos pasos.

SESIÓN 3. 27 DE FEBREIRO

Imaxe
  Hoxe tocou compartir a poesía que capturamos e metimos no sobre. Houbo un pouco de todo, pero o máis curioso é que dúas persoas coincidiron en traer anacos da música de Robe Iniesta, falecido en decembro de 2025... Polo demais, houbo todo tipo de versos. Tamén houbo un escritor que unha vez puxo en boca dun personaxe "Logo eu tamén perdín a poesía e a miña vida foi a máis gris que se poda imaxinar."  

PRIMEIRA SESIÓN DO 2026

Imaxe
  Contabamos vernos en decembro, pero distintas ocupacións que poderiamos resumir no feito de que estivemos todas e todos, alumnas e profesorado ata arriba de exames e de traballo, fixo que a sesión prevista para final de ano tivese lugar o venres 16 de xaneiro.  Trouxemos unha serie de fragmentos recollidos en cento e unha partes diferentes: libros da casa, libros da biblioteca, frases oídas ao chou... Compartimos o botín seguindo os consellos de Pennac. O misterio que nos quedara pendente era unha morea de caramelos, da que puidemos ver  o sentido e a súa relación coa triste e ao mesmo tempo marabillosa historia de amor de Félix González Torres.  E, falando  de amor, quedamos todas e todos convocados a unha vindeira sesión arredor do amor no mes de febreiro, na que se trata de encher, do máis punki ao máis empalagoso, unhas fichas de cartolina coas letras, versos, textos que máis nos digan do amor... e logo traer as fichas nuns pequenos sobres de papel manila....