Club de lectura 24/25
Neste CLUB DE LECTURA 2024/25 fixemos unha actividade/xuntanza ao mes desde outubro até xuño.
O Club de Lectura estivo coordinado por Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura) e Maxi Piñeiro (profesor de Bioloxía) en perfecta simbiose.
Na primeira avaliación reflexionamos sobre as lecturas que queriamos facer e lemos O libro do dragom, ópera prima do profesor doutor da Universidade da Coruña, o redondelán ROBERTO SAMARTIM. Unha obra poética intensa e moi centrada na nosa vila, absoluta protagonista no libro, así como o paso do tempo e as moitas dimensións da comunidade.
Despois de ler o libro tivemos o pracer de contar co autor no noso instituto. Con el falamos no Salón de Actos, nunha multitudinaria presentación, que contou cunha introdución á obra feita co alumnado de 2º ESO, en colaboración do Departamento de Música e de Plástica. Tamén lle fixemos unha entrevista para a Radio Escolar que podedes escoitar aquí.
E rematamos o ano lendo Plásticus Marítimus, obra da autora portuguesa Ana Pêgo, que nos permitiu reflexionar longo e tendido sobre a incidencia dos plásticos no mundo mariño que nos rodea.
Unha reflexión ecolóxica que continuamos no novo ano, tanto desde o punto de vista literario como biolóxico. E así, no terceiro trimestre, lemos a distopía Be Water, de Antía Yáñez e, a conta desta lectura, fixemos unha saída guiada á Portela, que nos permitiu coñecer a riqueza animal, vexetal e histórica dese enclave costeiro ao carón do que convivimos a diario.
Tamén fixemos unha saída ao programa Lectura na rúa, organizado polo CEIP A Marisma.Polo que respecta ás lecturas do segundo trimestre, lemos o cómic de Irene, a
porteira, premio dos Clubs de lectura do Morrazo en 2023 e que recolle a historia da primeira moza galega en xogar profesionalmente ao fútbol, chegando incluso a liderar un equipo. Lémolo e recibimos ao seu autor, ÓSCAR LOSADA, que nos presentou tamén os libros Retallos do mundo, relatos históricos que parecen mentira, o libro de relatos futbolísticos Entre liñas e a revista de fútbol en galego O Dez. A el tamén lle fixemos unha entrevista na nosa radio que está pendente de ser subida á web do centro.
E rematamos, en xuño, coa visita de LUÍS PREGO, experto en música tradicional galega, que nos veu presentar o seu cancioneiro Rosa e Aida, Cantadeiras de Moscoso. A nosa merecida homenaxe final á música tradicional oral que se homenaxeou este ano polas Letras Galegas.



Comentarios
Publicar un comentario